Skip to main content

Novas lamprea en Padrón

Padrón arranca as oitavas xornadas da lamprea coas prazas esgotadas na cata maridaxe

  • As inscricións chegaron de moitas partes de Galicia, dende Baiona a Pontedeume 

  • Novidosas propostas para cociñar o manxar do Ulla conquistaron aos comensais 

  • Éxito de participación tamén nos concursos gastronómicos de menores, que elaboraron burguers de lamprea 

As oitavas xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón iniciáronse a pasada fin de semana con gran éxito de público nas distintas actividades. A cata maridaxe pendurou o cartel de prazas esgotadas ao pouco de facerse pública a convocatoria e tamén gozaron de gran predicamento os obradoiros de cociña para persoas mozas e miúdas.

A grande aceptación que tivo a degustación coa que se iniciaron o venres as VIII Xornadas da lamprea fixo que moitas persoas tiveran que quedar en lista de agarda. A maior parte dos asistentes chegou de fóra de Padrón e recibíronse inscricións de moitos concellos de Galicia como Coruña, Santiago, Pontedeume, Vigo, Cangas ou Baiona.

Flor de lamprea en tres texturas con crema de pemento de Herbón e humus; lamprea en escabeche con fabas; lamprea a baixa temperatura con flores de brócoli e arroz verde con puré de boniato; e panacotta de queixo San Simón, escuma de marmelo, redución de licor café e brotes de mandarina foi o menú do que puideron gozar os comensais reunidos no Auditorio Municipal e que deu conta da versatilidade da lamprea na cociña actual. Regaron a cata viños de Pazo de Arretén e vermús Petroni.

Xa o sábado, o Auditorio congregou aos menores nos concursos gastronómicos Lamprechef e Pequechef, iniciativas que contaron tamén cunha animada participación e deixaron patente tanto o interese das novas xeracións polo manxar do Ulla como a súa boa maña na cociña. O seu menú estivo composto por burguers de lamprea e unhas deliciosas sobremesas, que elaboraron baixo a atenta mirada do alcalde, Antonio Fernández, e a concelleira de Festexos, Carmen Bustelo.

A edil, que tamén asistiu o venres á cata maridaxe na compaña do concelleiro Francisco García, destacou a gran acollida das xornadas da lamprea e o interese que suscitan. Lembrou que Galicia é a única comunidade en España na que pode atoparse esta especie ancestral e tan só en zonas moi determinadas do Miño, o Tambre e o Ulla. “Padrón conta cun recurso único de gran potencial que debemos aproveitar para seguir dando a coñecer a nosa vila e atraendo visitantes. Nós temos que ser os nosos principais embaixadores e compráceme moito ver que nenas e nenos aprezan e presumen xa da lamprea”, sinalou.

As xornadas completáronse ao longo de toda a fin de semana coa degustación dos menús lampreeiros en seis restaurantes padroneses a un prezo fixo de 40 euros. Interveñen nesta proposta os restaurantes O secreto, Scala, Pulpería Rial, O Santiaguiño, Casa Farrucán e Bar Manolo/A Taberna da Matanza, que continuarán ofrecendo os seus pratos o venres, sábado e domingo próximos.

Padrón exalta a lamprea coa oitava edición das xornadas gastronómicas do 18 ao 27 de marzo

  • Seis restaurantes do municipio elaborarán menús lampreeiros
  • O Concello organiza actividades para todas as idades coas que coñecer mellor este produto singular da gastronomía padronesa
  • O Convento franciscano de Herbón acollerá unha nova cita das ‘Tertulias clandestinas’

Coa chegada da lamprea ao río Ulla polo mes de marzo, o Concello de Padrón organiza a oitava edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea. Seis restaurantes da localidade ofrecerán menús degustación coa lamprea como protagonista do 18 ao 27 de marzo, de venres a domingo. Ademais, o Concello padronés deseñou un programa de actividades culinarias, divulgativas e de ocio para promocionar a lamprea e a súa pesca artesanal.

Media ducia de locais de hostalaría involúcranse nesta acción que quere poñer en valor un produto gastronómico singular. Por 40 euros e previa reserva, poderanse degustar menús lampreeiros creados especificamente para esta cita en Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño, Casa Farrucán e Bar Manolo/A Taberna da Matanza. Os detalles de cada un dos seis menús e os teléfonos para facer as reservas poden consultarse na páxina web xornadasdalamprea.padronturismo.gal (neste enlace)

A xuízo da concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, “estas son unhas xornadas que, en oito edicións, lograron consolidarse no panorama gastronómico galego”. “Cada ano son máis as persoas que nos visitan nestas datas, dado que a lamprea, ademais do seu sabor e das súas posibilidades culinarias, ten outra característica que a fai única: a súa estacionalidade”, recalcou Couso.

Obradoiros para todas as idades

En paralelo, o Concello de Padrón organiza para os días 18 e 19 de marzo tres talleres no Auditorio Municipal cos que se pretende dar a coñecer mellor as posibilidades gastronómicas da lamprea, que está en plena temporada. O obradoiro PequeChef vai destinado a público infantil de 5 a 11 anos. Levarase a cabo o sábado 19 de marzo ás 10.30 horas, e consistirá na elaboración de dous pratos, un doce e outro salgado, coa lamprea como ingrediente principal.

Para a rapazada entre os 12 e os 18 anos está pensado o taller LampreChef. Trátase dun divertido concurso de cociñado de lamprea por grupo (de catro persoas cada un) no que se deben superar distintos desafíos, que poñen a proba os coñecementos gastronómicos dos participantes e que teñen de novo a lamprea como eixe condutor. Celébrase tamén o sábado 19 no Auditorio, con comezo ás 12 horas.

A actividade para adultos levarase a cabo o venres 18, ás 20 horas. Trátase dunha Cata maridaxe coa lamprea na que se probarán varios pratos elaborados con este produto en combinación con viños selectos da zona.

Tertulias clandestinas

Dado o éxito de anteriores citas, o Convento franciscano de Herbón volverá ser escenario das Tertulias clandestinas da lamprea de Padrón. Faladoiros mutidisciplinares que se centrarán nesta ocasión nas calidades únicas deste produto gastronómico. Trátase dunha actividade para todos os públicos que se celebrará o sábado 26 de marzo ás 11.00 horas.

As prazas para asistir a calquera das actividades divulgativas e lúdicas das VIII Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón son limitadas e é necesario anotarse antes do 17 de marzo. Para facelo, hai que dirixirse á oficina de turismo, chamar ao teléfono 646 593 319 ou escribir ao correo electrónico turismo@padron.gal.

 

Concurso de empanadas de lamprea en Padrón

concurso-empanadas-lamprea-padron

O Concello de Padrón celebra de novo o Concurso de Empanadas de Lamprea o venres 29 de marzo ás 20h

Dentro das V Xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón o consistorio organiza este evento co obxectivo de poñer en valor este produto gastronómico de gran tradición na localidade, onde é típico realizar a empanada en Timbal, (coma aparece no cartaz promocional do concurso) coa lamprea enteira da empanada o vindeiro venres 29 de marzo ás 20h no Auditorio Municipal de Padrón.

Repartiranse 600€ en premios, sendo 300€ para o primeiro premio á mellor empanada de lamprea; seguidos por un segundo premio valorado en 200€ e un terceiro en 100€.

Despois do éxito de persoas interesadas no obradoiro para aprender a facer empanadas de lamprea que se celebra este sábado 23, do que seguro sae máis dun e dunha participante para o concurso, o concello espera que a xente se anime a participar neste concurso tan singular da nosa vila.

xurado estará composto por don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado.

O prazo de inscrición é ata o mércores 27 de marzo na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou no correo electrónico turismo@padron.gal

Trala entrega dos premios, as empanadas do concurso poderán ser degustadas polo público asistente.

Consulta as bases seguindo esta ligazón

As «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea» comezan con actividades escolares divulgativas

actividades-escolares-lamprea

Nove restaurantes do municipio ofrecerán «menús lampreeiros», previa reserva, a un prezo de 30 euros

Diversas actividades divulgativas sobre a lamprea abriron nas últimas semanas nos centros educativos de Padrón a programación das «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea», que se desenvolverán os vindeiros días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 e que contarán coa participación de nove restaurantes. Os «menús lampreeiros», que se poderán degustar previa reserva, terán un prezo de 30 euros/persoa.

A actividade divulgativa denominada «Máis alá das nasas – Descubrindo a lamprea a través do xogo», levouse a cabo nos centros educativos de Pousada, Arretén, Pontecesures, Extramundi e A Escravitude. Nela, os cativos interpretaron un conto vivo con explicacións sobre a lamprea e posteriormente elaboraron debuxos de lampreas que xa están a exhibirse en diferentes establecementos do centro de Padrón. Estes debuxos serán protagonistas o venres a partires das 17.30 horas nunha xincana da lamprea orientada ao público infantil, que terá que localizar os diferentes debuxos. Ademais, estas actividades divulgativas inclúen unha nova sesión de traballo na que os escolares elaborarán os materiais para «Os xogos da lamprea».

Nove restaurantes

Nesta quinta edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón, os establecementos que ofrecerán «menús lampreeiros» son os seguintes: Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, Restaurante Gaia (A Casa da Corredoira) e Os Carrisos. Entre todos eles poderanse degustar alomenos unha quincena de pratos elaborados con lamprea, sendo a «lamprea á bordelesa» a receita máis común.

Padrón acolle do 22 ao 31 de marzo as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea»

lamprea-padron

Nove restaurantes do municipio ofrecerán «menús lampreeiros», previa reserva, a un prezo de 30 euros

 

A programación de actividades coordinada polo concello inclúe actividades divulgativas nos centros educativos, obradoiros para aprender a facer empanadas de lamprea, rutas e escapadas turísticas e un concurso de empanadas de lamprea

 

A Concellaría de Turismo de Padrón, que dirixe Lorena Couso Dopazo, vén de programar para as fins de semana do 22, 23 e 24 e do 29, 30 e 31 de marzo as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea«, que contarán coa participación de nove restaurantes e que incluirán diferentes actividades divulgativas, lúdicas e culinarias.

Nesta quinta edición, os establecementos que ofrecerán «menús lampreeiros«, previa reserva e a un prezo de 30 euros por persoa, son os seguintes: Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, Restaurante Gaia (A Casa da Corredoira) e Os Carrisos. Entre todos eles poderanse degustar alomenos unha quincena de pratos elaborados con lamprea, sendo a «lamprea á bordelesa» a receita máis común.

A maiores desta oferta culinaria, as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea» inclúen actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros educativos de Padrón durante os meses de febreiro e marzo; unha xincana da lamprea o venres 23 de marzo ás 17.00 horas, orientada ao público infantil e familiar e que require inscrición previa na Biblioteca antes do 21 de marzo (981 810 761 ou biblioteca@padron.gal); e un obradoiro para aprender a preparar empanadas de lamprea, que terá lugar o sábado 24 de marzo ás 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais -é gratuíto, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou por correo electrónico no enderezo turismo@padron.gal.

Ademais, tamén está previsto o venres 29 de marzo ás 20.00 horas un concurso de empanadas de lamprea, que será gratuíto pero que precisa inscrición previa na Oficina de Turismo antes do mércores 27 de marzo. Os participantes optarán a un total de 600 euros en premios, repartidos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.

Ruta da lamprea en Herbón e escapadas en Padrón

A programación de actividades coordinada pola Concellaría de Turismo tamén inclúe unha ruta da lamprea en Herbón o sábado 30 de marzo, que arrancará ás 10.00 horas desde o convento franciscano cunha visita guiada e que consistirá nun percorrido de aproximadamente unha hora de duración, coa participación dun biólogo que aportará un enfoque medioambiental á visita. Esta actividade é de balde pero as prazas son limitadas e precisa reserva previa na Oficina de Turismo.

Por último, en colaboración co operador Galicia Es Mas organizaranse escapadas en Padrón para as dúas fins de semana destas «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea«, que inclúen as actividades de balde do programa e o aloxamento nun hotel de tres estrelas por un importe desde 28 euros por persoa.

Premiados no Concurso de empanadas de lamprea de Padrón

O Concello de Padrón concedeu o pasado venres 9 de marzo os premios do Concurso de empanadas de lamprea no Auditorio municipal aberto a todo o público e que contou con 600€ en premios

concurso-empanadas-lamprea-padron

No primeiro andar do Auditorio Municipal do Concello de Padrón, sendo as vinte horas do día nove de marzo de dous mil dezaoito, asisten Lorena Couso Dopazo, concelleira de Turismo de Padrón, don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado, e Alberto Rey Castro, técnico de turismo como secretario do acto, co obxecto de proceder a valorar as empanadas do Comcurso de empanadas de lamprea IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón celebradas os días 2, 3, 4, 9, 10, e 11 de marzo de 2018 e outorgar os premios do xurado.

Tras probar todas as 8 empanadas que se presentaron, o xurado decidiu o seguinte:

1º premio a Carmen Castaño Solar cun total de 50 puntos e 300,00€ de premio.

2º premio a Marina Rial Pérez cun total de 42 puntos e 200,00€ de premio.

3º premio a Nuria María Moares Boquete cun total de 35 puntos e 100,00€ de premio.

A entrega dos premios e diplomas aos gañadores, entregáronse o mesmo venres 9 de marzo no Auditorio Municipal Salón de Padrón, ás 20:30 horas.