Novas

Padrón reivindica a súa identidade arredor da lamprea na duodécima edición das Xornadas Gastronómicas

lamprea-2026

 

  • A programación desenvolverase os días 13, 14, 15, 20, 21 e 22 de marzo combinando divulgación, natureza e experiencias sensoriais
  • Seis establecementos da vila ofrecerán propostas gastronómicas especiais durante as xornadas

Padrón. 26-2-2026.- Padrón acollerá os días 13, 14, 15, 20, 21 e 22 de marzo a duodécima edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea, unha cita xa consolidada no calendario padronés que pon en valor este produto emblemático do río Ulla desde unha perspectiva gastronómica, cultural e medioambiental.

Durante dúas fins de semana, o programa combinará actividades divulgativas, roteiros interpretativos e experiencias inmersivas pensadas maioritariamente para o público familiar, co obxectivo de reforzar o vínculo entre a lamprea, o territorio e a identidade local.

As xornadas arrancarán o venres 13 e o luns 16 de marzo coa actividade didáctica Descubrindo o fósil vivente de Padrón: a lamprea, que se desenvolverá nas escolas unitarias do municipio co fin de achegar ás novas xeracións o coñecemento deste organismo ancestral e a súa relevancia histórica e ambiental.

O sábado 14 de marzo, ás 09.00 horas, terá lugar a tradicional Ruta das Pesqueiras, un percorrido lineal de 12 quilómetros (ida e volta) ao carón do río Ulla, con saída desde o Campo da Ínsua (A Ponte). Trátase dunha proposta de dificultade media dirixida a persoas afeccionadas ao sendeirismo e ao patrimonio fluvial.

Esa mesma tarde, ás 16.30 horas, Herbón acollerá o Baño de natureza-Experiencia inmersiva sobre a lamprea, unha actividade familiar que combinará mindfulness (técnica de meditación), creatividade e patrimonio. O programa inclúe un paseo guiado polos exteriores do convento e polas pesqueiras, así como un obradoiro con arxila inspirado no universo simbólico da lamprea. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao interior do convento.

O domingo 15 de marzo, ás 10.30 horas, celebrarase unha Ruta interpretativa da lamprea con mindfulness, unha proposta para afondar na dimensión natural e cultural deste recurso a través dunha experiencia guiada.

A programación continuará o venres 20 de marzo coa actividade A que sabe Padrón?, que se desenvolverá no Xardín Botánico en dous pases (17.00 e 18.30 horas). Trátase dunha experiencia sensorial dirixida a toda a familia para descubrir, desde unha perspectiva lúdica, os matices e a tradición asociada á lamprea. En caso de choiva, trasladarase ao hall do Auditorio municipal.

Xa o sábado 21, ás 17.00 horas, terá lugar A pé de río, un percorrido de 5 quilómetros (ida e volta) con saída desde o Campo da Ínsua. A actividade está pensada para público familiar e, en caso de mal tempo, desenvolverase no interior do Auditorio de Padrón.

As xornadas pecharanse o domingo día 22, ás 11.30 horas, coa proposta Unha viaxe á orixe, na Praza de Macías (ou no Auditorio en caso de choiva), unha actividade divulgativa para toda a familia que conectará pasado, tradición e identidade arredor da lamprea.

As prazas para poder participar nestas actividades son limitadas e requiren inscrición previa na web de Turismo Padron (www.padronturismo.gal/)
Propostas gastronómicas nos restaurantes colaboradores.

Paralelamente, seis establecementos de Padrón sumaranse á exaltación gastronómica: O Alpendre, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante O Secreto, Taberna A Filoxera e Restaurante A Casa dos Martínez.

Nesta edición, marcada pola escaseza de lamprea e polo elevado prezo do produto, non haberá menús pechados con carácter xeral. Non obstante, Casa Farrucán ofrecerá un menú especial por 55 euros, composto por chocos, lamprea á bordelesa, sobremesa caseira, unha copa de viño e café.

No resto dos establecementos, as persoas interesadas deberán consultar directamente as súas propostas e realizar reserva previa.

As Xornadas Gastronómicas da Lamprea consolidan así o seu papel como evento de referencia na posta en valor deste produto singular, reforzando a proxección de Padrón como destino ligado ao río Ulla, á tradición pesqueira e á gastronomía de calidade.

Padrón exalta a lamprea cunha nova edición das súa xornadas gastronómicas

XI Xornadas Gastronómicas

  • Os establecementos Casa Farrucán, Restaurante O Secreto, O Santiaguiño e Chef Rivera ofrecerán menús especiais elaborados para a ocasión
  • A programación inclúe unha charla sobre a lamprea como organismo ancestral, un roteiro polo río e unha sesión inmersiva en Bandín que inclúe un paseo e a creación de pezas con arxila

Padrón. 10-3-2025.- Padrón acolle unha nova edición das Xornadas Gastronómicas da lamprea de Padrón que se desenvolverán do 21 ao 30 de marzo. Durante este período, prevese unha programación que combinará divulgación, natureza e gastronomía en torno a este prezado produto.

Os establecementos colaboradores ofrecerán menús especiais elaborados para a ocasión. Nesta edición, está prevista a participación dos restaurantes Casa Farrucán, Restaurante O Secreto, O Santiaguiño e Chef Rivera.

Ademais da oferta gastronómica, o programa incluirá diversas actividades dirixidas a diferentes públicos. Así, o venres 21 de marzo, ás 20:00 horas, o Restaurante Chef Rivera acollerá a charla Cultura científica con Juan Pérez Fernández, investigador de neurociencia da Universidade de Vigo. A sesión incluirá un coloquio informal de divulgación científica no que se abordará a importancia da lamprea como organismo ancestral, as súa peculiaridades biolóxicas e a súa relevancia no ámbito da investigación científica. A consumición non estará incluída. A actividade está orientada a un público adulto.

O sábado 22 de marzo, a partir das 11:30 horas, levarase a cabo a iniciativa Lamprea a pé de río, unha visita didáctica que permitirá coñecer de preto a bioloxía da lamprea, a súa importancia histórica e o seu ecosistema. A iniciativa busca fomentar a conexión co medio rural e poñer en valor este recurso gastronómico e cultural de Padrón. A proposta está dirixida a un público familiar.

O sábado 29 de marzo, ás 11:00 horas, será a quenda da Experiencia inmersiva en Bandín, Carcacía, que combinará contacto coa natureza e expresión artística. Trátase dunha proposta destinada ao público familiar que inclúe un paseo na compaña dun membro da Asociación Cultural Nosa Sra. da Mercé de Bandín que contará historias sobre o lugar e a lamprea do Ulla, así como a creación de figuras con arxila e auga da fonte Santa. A experiencia estará acompañada con música e sons acordes á actividade e ao lugar.

As prazas para estas actividades son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa a partir do martes 11 de marzo a través da web www.padronturismo.gal/inscricions.

As Xornadas Gastronómicas da lamprea de Padrón son un evento de referencia na exaltación deste produto tradicional. Ademais da gastronomía, ofrecen un compendio de propostas culturais, divulgativas e de lecer que atraen visitantes de todas as idades, contribuíndo a fortalecer a imaxe de Padrón como destino destacado para a degustación desta especialidade culinaria.

Padrón exaltará a lamprea con degustacións, obradoiros de cociña e xornadas divulgativas

Xornadas da Lamprea de Padrón 2024

• A décima edición das Xornadas gastronómicas da lamprea desenvolveranse nas dúas primeiras fins de semana de marzo
• Os restaurantes O Secreto, Pulpería Rial, O Santiaguiño e Farrucán ofrecerán menús lampreeiros a un prezo único de 50 euros
• Persoas adultas e cativada terán a oportunidade de aprender a cociñar este manxar
• Dous obradoiros achegarán ao público ás moitas peculiaridades desta delicia do Ulla

Padrón exaltará un dos seus produtos máis xenuinos na décima edición das Xornadas gastronómicas da lamprea, que se desenvolverán nas dúas primeiras fins de semana de marzo. Un total de catro establecementos ofrecerán a posibilidade de degustar os seus menús lampreeiros a un prezo único de 50 euros os días 1,2,3, 8, 9 e 10 de marzo. Ademais, un showcooking, un certame infantil de cociña e dous obradoiros divulgativos contribuirán a dar a coñecer tamén a cotizada delicia do Ulla.

Restaurante O Secreto, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño e Casa Farrucán son os establecementos aos que poden dirixirse ás persoas que queiran degustar os menús lampreeiros, formados por un primeiro plato, un segundo de lamprea, sobremesa e bebida. As opcións de cada restaurante, na que destaca a tradicional preparación á bordalesa, poden consultarse na web de Turismo de Padrón e é preciso facer reserva previa chamando directamente ao local elixido, sempre tendo en conta que a dispoñibilidade dependerá da existencia de produto.

O Concello de Padrón completa estas xornadas gastronómicas cunha serie de actividades nas que a lamprea é a protagonista e que teñen como fin dar a coñecer a historia e as peculiaridades dun manxar que vén celebrándose na zona do río Ulla dende época romana e que hoxe en día só se pode atopar dentro da Península en áreas moi concretas de Galicia. A súa singularidade vén, ademais, reforzada polo feito de que se trata dun produto altamente estacional que únicamente se pode degustar nesta época.

Actividades complementarias

O programa de actividades abrirase o venres 1 de marzo cun showcooking no que as persoas participantes terán a oportunidade de seguir as explicacións dun cociñeiro experto para elaborar en vivo tres platos con lamprea. A inscrición, gratuíta, poderá facerse na web de Turismo de Padrón a partir do 15 de febreiro e as prazas, limitadas e dirixidas a persoas adultas, outorgaranse por rigorosa orde de apuntamento.

O sábado 2 será a cativada quen teña a oportunidade de demostrar as súas dotes culinarias no obradoiro infantil que se desenvolverá no auditorio a partir das once da mañá. Nenas e nenos de entre 5 e 12 anos encargaranse de cociñar dous pratos nos que utilizarán a lamprea como ingrediente principal. A inscrición abrirase tamén o 15 de febreiro en www.padronturismo.gal/inscricions.

Xa na seguinte fin de semana, en concreto o sábado día 9 de marzo, desenvolveranse dous obradoiros de divulgación científica que nos achegarán ás moitas peculiaridades da lamprea. O primeiro, para cativada de entre 6 e 12 anos, terá lugar ás 11 da mañá e leva por título ‘Tes un primo prehistórico’. O segundo desenvolverase a partir das sete da tarde e nel as persoas adultas poderán saber ‘Por que falar de monos tendo lampreas?’. Como nos casos anteriores, a inscrición para ámbalas actividades farase na web de Turismo de Padrón a partir do 15 de febreiro.

Nova edición das Xornadas gastronómicas da lamprea en Padrón

Xornadas da Lamprea 2023

Padrón enxalza un dos seus produtos estrela do 17 ao 26 de marzo nas IX Xornadas gastronómicas da lamprea:

  • Cinco establecemento da localidade ofrecerán venres, sábados e domingos menús lampreeiros a un prezo único de 40 euros.
  • A presentación dun vídeo promocional, o concurso Pequechef e a exitosa Cata maridaxe completan o programa.
  • A concelleira Lorena Couso destaca a fidelidade dos amantes da lamprea a un manxar que, en toda España, só se pode degustar en moi poucas zonas de Galicia.

Un ano máis, e xa van nove, Padrón exaltará un dos seus produtos gastronómicos máis sobresaíntes: a lamprea. Esta novena edicion das Xornadas gastronómicas da lamprea desenvolverase nas fins de semana do 17 ao 19 de marzo e do 24 ao 26 de marzo e nelas participarán cinco establecementos de restauración da capital do Sar, que ofrecerán os seus menús lampreeiros a un prezo único de 40 euros.

Bar Manolo. A taberna da Matanza, Casa Farrucán, Pulpería Rial Restaurante O Santiaguiño e Restaurante o Secreto son os locais nos que os amantes da lamprea poderán gozar do seu delicioso sabor tanto con propostas tradicionais, como a da lamprea á bordalesa, como innovadoras. O menú degustación inclúe un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa, as opcións de cada restaurante pódense consultar na web de Turismo de Padrón e é preciso facer reserva previa chamando directamente ao restaurante elixido, tendo en conta que a dispoñibilidade dependerá da existencia de produto.

O Concello de Padrón completa as xornadas cunha serie de actividades nas que a lamprea é a protagonista e que teñen como fin dar a coñecer a historia e as peculiaridades dun manxar que vén celebrándose na zona do río Ulla dende época romana e que, en toda a Península Ibérica, só se pode atopar en poucas e moi concretas áreas de Galicia.

“Temos a sorte de estar entre un dos poucos lugares nos que se pode gozar deste manxar, polo que nestes días recibimos xente de toda Galicia e mesmo doutros lugares de España que se achegan a Padrón coa única idea de gozar da lamprea. Trátase, ademais, duns visitantes moi fieis”, subliña a concelleira de Turismo. Lorena Couso incide tamén na relevancia do turismo gastronómico para Padrón e recorda que tanto os pementos de Herbón como a lamprea son estacionais. “O momento para degustar a lamprea é este, así que todo o que queira facelo ten que vir en marzo”, afirma.

Actividades complementarias

As persoas interesadas en saber máis sobre a lamprea, especie anterior aos dinosauros, e a súa pesca artesanal terán a oportunidade de facelo asistindo á presentación de A lamprea en Padrón, o encanto do Ulla, audiovisual que se presentará o xoves 23 de marzo ás 19.30 horas na igrexa da Nosa Señora da Mercé de Bandín. A entrada é libre ata completar aforo.

Saborear de balde a deliciosa será posible coa Cata maridaxe, a exitosa actividade de degustación na que veñen participando persoas chegadas de todas as partes de Galicia esgotando as prazas decontado ano tras ano. Celebrarase o venres 24 de marzo ás 20 horas no Auditorio municipal e consistirá na degustación de varios pratos preparados con lamprea e que se servirán acompañados por viños da zona. As inscricións deberán facerse na web de Turismo de Padrón a partir do 14 de marzo.

Tamén conta con gran predicamento Pequechef, unha grande oportunidade para achegar ás novas xeracións de padronesas e padroneses ao mundo da lamprea. O concurso, dirixido a cativada de entre 5 e 12 anos, terá lugar no Auditorio o sábado 25 de marzo a partir das

10.30 horas e cada participante terá como misión elaborar un prato doce e outro salgado empregando como ingrediente principal a lamprea. A inscrición abrirase tamén o 14 de marzo na páxina web de Turismo de Padrón.

Máis de corenta persoas coñecen o mundo da lamprea do Ulla en Herbón

O pasado 26 de marzo celebrouse unha nova edición das tertulias clandestinas no Convento Franciscano de Herbón en Padrón. Un dos lugares nos que habita e se captura de maneira sostible, a lamprea. Estas actividades pretenden achegar información sobre diferentes temáticas relacionadas co turismo e a cultura, de maneira didáctica e amena á poboación en xeral.

A xornada comezou coa acollida dos asistentes na Portería do Convento. Minia Del Río, de Latexos de turismo, xestora da idea das tertulias clandestinas, foi a encargada de convidalos a entrar ao mundo máxico da lamprea tras cruzar un arco sacro… a porta da igrexa primitiva do convento que aínda se conserva.

Lorena Couso, concelleira de turismo, cultura e outras áreas do Concello de Padrón foi a encargada de realizar a presentación da xornada e de agradecer a alta participación dos asistentes, moitos deles veciños da localidade. Explicou que o enfoque que se quixo dar con esta actividade que se desenvolveu no marco de celebración das Oitavas Xornadas Gastronómicas da lamprea de Padrón, foi o de centrarse na lamprea como un ser vivo que habita nunhas paraxes naturais máxicas.

Nun dos lugares máis clandestinos do Convento, no seu Refectorio, tivo lugar o faladoiro dirixido polo locutor de radio José Manuel García co experto do mundo da pesca e autor da guía Lampreas e Pesqueiras, Miguel Piñeiro.

Acompañárono a persoa responsable de Medio Ambiente de vixiar a zona, José Manuel Freire, que coñece á perfección os recunchos dese lugar; e o patriarca dos pescadores da lamprea, Manuel Vidal, que cos seus 90 anos soubo sacar o sorriso ao público en máis dunha ocasión.

Estiveron tamén presentes os representantes das asociacións de veciños locais de Padrón: Extramundi, Carcacía e Bandín. Nestas dúas últimas zonas tamén existen pesqueiras, e por tanto, lamprea.

Tras un agradable paseo polo monástico xardín do Convento, o grupo dirixiuse cara ao río Ulla, ás pesqueiras: lugar no que se captura a lamprea. Alí, nunha paraxe natural incomparable no que seguro, habitan moitos seres máxicos… Realizáronse explicacións sobre estas antigas construcións de pedra de posible orixe romana e a maneira de capturar este ser tan enigmático e primitivo da man de José Manuel Freire e Miguel Piñeiro.

A lamprea, o encanto do Ulla, un ser que habita na terra desde antes de nós rodeado de mitos, lendas… que se desmitificaron na xornada do sábado poñendo sobre a mesa o que é certo e o que non. Para as persoas interesadas en escoitar este faladoiro, poden facelo seguindo esta ligazón no programa de radio Comer e Falar todo é Comezar de José Manuel García.

A actividade quedou curta con gran cantidade de información por transmitir, polo que se deixou sobre a mesa a opción de realizar unha nova tertulia da lamprea en Padrón.

 

Padrón arranca as oitavas xornadas da lamprea coas prazas esgotadas na cata maridaxe

  • As inscricións chegaron de moitas partes de Galicia, dende Baiona a Pontedeume 

  • Novidosas propostas para cociñar o manxar do Ulla conquistaron aos comensais 

  • Éxito de participación tamén nos concursos gastronómicos de menores, que elaboraron burguers de lamprea 

As oitavas xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón iniciáronse a pasada fin de semana con gran éxito de público nas distintas actividades. A cata maridaxe pendurou o cartel de prazas esgotadas ao pouco de facerse pública a convocatoria e tamén gozaron de gran predicamento os obradoiros de cociña para persoas mozas e miúdas.

A grande aceptación que tivo a degustación coa que se iniciaron o venres as VIII Xornadas da lamprea fixo que moitas persoas tiveran que quedar en lista de agarda. A maior parte dos asistentes chegou de fóra de Padrón e recibíronse inscricións de moitos concellos de Galicia como Coruña, Santiago, Pontedeume, Vigo, Cangas ou Baiona.

Flor de lamprea en tres texturas con crema de pemento de Herbón e humus; lamprea en escabeche con fabas; lamprea a baixa temperatura con flores de brócoli e arroz verde con puré de boniato; e panacotta de queixo San Simón, escuma de marmelo, redución de licor café e brotes de mandarina foi o menú do que puideron gozar os comensais reunidos no Auditorio Municipal e que deu conta da versatilidade da lamprea na cociña actual. Regaron a cata viños de Pazo de Arretén e vermús Petroni.

Xa o sábado, o Auditorio congregou aos menores nos concursos gastronómicos Lamprechef e Pequechef, iniciativas que contaron tamén cunha animada participación e deixaron patente tanto o interese das novas xeracións polo manxar do Ulla como a súa boa maña na cociña. O seu menú estivo composto por burguers de lamprea e unhas deliciosas sobremesas, que elaboraron baixo a atenta mirada do alcalde, Antonio Fernández, e a concelleira de Festexos, Carmen Bustelo.

A edil, que tamén asistiu o venres á cata maridaxe na compaña do concelleiro Francisco García, destacou a gran acollida das xornadas da lamprea e o interese que suscitan. Lembrou que Galicia é a única comunidade en España na que pode atoparse esta especie ancestral e tan só en zonas moi determinadas do Miño, o Tambre e o Ulla. “Padrón conta cun recurso único de gran potencial que debemos aproveitar para seguir dando a coñecer a nosa vila e atraendo visitantes. Nós temos que ser os nosos principais embaixadores e compráceme moito ver que nenas e nenos aprezan e presumen xa da lamprea”, sinalou.

As xornadas completáronse ao longo de toda a fin de semana coa degustación dos menús lampreeiros en seis restaurantes padroneses a un prezo fixo de 40 euros. Interveñen nesta proposta os restaurantes O secreto, Scala, Pulpería Rial, O Santiaguiño, Casa Farrucán e Bar Manolo/A Taberna da Matanza, que continuarán ofrecendo os seus pratos o venres, sábado e domingo próximos.

Padrón exalta a lamprea coa oitava edición das xornadas gastronómicas do 18 ao 27 de marzo

  • Seis restaurantes do municipio elaborarán menús lampreeiros
  • O Concello organiza actividades para todas as idades coas que coñecer mellor este produto singular da gastronomía padronesa
  • O Convento franciscano de Herbón acollerá unha nova cita das ‘Tertulias clandestinas’

Coa chegada da lamprea ao río Ulla polo mes de marzo, o Concello de Padrón organiza a oitava edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea. Seis restaurantes da localidade ofrecerán menús degustación coa lamprea como protagonista do 18 ao 27 de marzo, de venres a domingo. Ademais, o Concello padronés deseñou un programa de actividades culinarias, divulgativas e de ocio para promocionar a lamprea e a súa pesca artesanal.

Media ducia de locais de hostalaría involúcranse nesta acción que quere poñer en valor un produto gastronómico singular. Por 40 euros e previa reserva, poderanse degustar menús lampreeiros creados especificamente para esta cita en Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño, Casa Farrucán e Bar Manolo/A Taberna da Matanza. Os detalles de cada un dos seis menús e os teléfonos para facer as reservas poden consultarse na páxina web xornadasdalamprea.padronturismo.gal (neste enlace)

A xuízo da concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, “estas son unhas xornadas que, en oito edicións, lograron consolidarse no panorama gastronómico galego”. “Cada ano son máis as persoas que nos visitan nestas datas, dado que a lamprea, ademais do seu sabor e das súas posibilidades culinarias, ten outra característica que a fai única: a súa estacionalidade”, recalcou Couso.

Obradoiros para todas as idades

En paralelo, o Concello de Padrón organiza para os días 18 e 19 de marzo tres talleres no Auditorio Municipal cos que se pretende dar a coñecer mellor as posibilidades gastronómicas da lamprea, que está en plena temporada. O obradoiro PequeChef vai destinado a público infantil de 5 a 11 anos. Levarase a cabo o sábado 19 de marzo ás 10.30 horas, e consistirá na elaboración de dous pratos, un doce e outro salgado, coa lamprea como ingrediente principal.

Para a rapazada entre os 12 e os 18 anos está pensado o taller LampreChef. Trátase dun divertido concurso de cociñado de lamprea por grupo (de catro persoas cada un) no que se deben superar distintos desafíos, que poñen a proba os coñecementos gastronómicos dos participantes e que teñen de novo a lamprea como eixe condutor. Celébrase tamén o sábado 19 no Auditorio, con comezo ás 12 horas.

A actividade para adultos levarase a cabo o venres 18, ás 20 horas. Trátase dunha Cata maridaxe coa lamprea na que se probarán varios pratos elaborados con este produto en combinación con viños selectos da zona.

Tertulias clandestinas

Dado o éxito de anteriores citas, o Convento franciscano de Herbón volverá ser escenario das Tertulias clandestinas da lamprea de Padrón. Faladoiros mutidisciplinares que se centrarán nesta ocasión nas calidades únicas deste produto gastronómico. Trátase dunha actividade para todos os públicos que se celebrará o sábado 26 de marzo ás 11.00 horas.

As prazas para asistir a calquera das actividades divulgativas e lúdicas das VIII Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón son limitadas e é necesario anotarse antes do 17 de marzo. Para facelo, hai que dirixirse á oficina de turismo, chamar ao teléfono 646 593 319 ou escribir ao correo electrónico turismo@padron.gal.

 

Sete restaurantes de Padrón participan nas VII Xornadas Gastronómicas da Lamprea

As Xornadas desenvolveranse dende o 5 ata o 14 de marzo, e para degustar os menús coa lamprea como protagonista débese facer unha reserva previa

3 de marzo de 2021.- Este venres comeza a VII edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea organizadas polo departamento de Turismo do Concello de Padrón. Así, os días 5, 6, 7, 12, 13 e 14 de marzo este produto estrela da gastronomía padronesa protagonizará os menús de sete restaurantes do municipio. Este ano por mor da Covid-19 non se poderán realizar todas as actividades de divulgación e lúdicas que habitualmente organizan dende a concellaría que lidera Lorena Couso, se ben manterase a proposta a través dos establecementos da zona.

Para degustar os menús elaborados por cada un destes establecementos, haberá que reservar previamente, e o prezo será de 35 euros por persoa. Os locais participantes son Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, O Alpendre, Pulpería Rial, Restaurante O Santiaguiño e Casa Farrucán. En todos os restaurantes participantes extremarán as medidas de prevención contra a Covid-19 para que as Xornadas se desenvolvan nunha contorna segura sanitariamente.

A concelleira de Turismo, Lorena Couso, sinalou que “dende o Executivo local facemos todos os esforzos por manter o maior número de actividades sociais, culturais e de ocio e para continuar dinamizando a economía do noso municipio, sempre co foco posto nas medidas e recomendacións das autoridades sanitarias. Por iso, agardamos que estas Xornadas, malia que non poden ser celebradas coma nos últimos anos, supoñan un revulsivo para os empresarios e hostaleiros que tanto están a padecer nestes tempos”.

Para máis información, consulta a web: www.xornadasdalamprea.padronturismo.gal

Os menús que se van ofrecer nos distintos establecementos participantes son os seguintes:

Restaurante O Secreto (Teléfono de reserva: 670 599 961)

Menú:

Primeiro: Lamprea afumada sobre crema de queixo San Simón e ovo a baixa temperatura.

Segundo: Lamprea O Secreto con arroz integral  venevere

Sobremesa

Bebida: 1 Copa de viño

Neste restaurante tamén contan cunha segunda opción, cun menú degustación:

  • Tosta de lamprea afumada con gulas
  • Croquetas de lamprea
  • Risotto de Lamprea e Parmesano
  • Empanadilla de lamprea e mexillón

Sobremesa caseira

Bebida: 1 Copa de viño

Restaurante Scala  (Teléfono de reserva 981 811 312)

Primeiros pratos a elixir:

  • Croquetas de lamprea
  • Empanada de lamprea

Segundos pratos a elixir:

  • Lamprea á bordelesa
  • Risotto de lamprea

Sobremesa a elixir

Viños da casa, auga, refresco,  café e licores

Restaurante Chef Rivera   (Teléfono de reserva: 981 810 413)

Entrante: Aperitivo Risotto de lamprea

Primeiro. Croquetas da lamprea

Ovos rotos de lamprea afumada.

Segundo: Lamprea á bordelesa

Sobremesa: Tarta da casa

Bebida: 1  Copa de viño, auga, cervexa ou refresco

O Alpendre   (Teléfonos de reserva: 981 810 583 -639 057 227)

Entrante: Empanadillas de Lamprea

Prato principal: Lamprea á bordelesa

Sobremesa: Flan de queixo

Bebida: Botella de viño para dúas persoas: Crego e Monaguillo Treixadura

Pulpería Rial    (Teléfono de reserva: 981 811 624)

Primeiro: O noso tradicional polbo á feira

Segundo: Lamprea á bordelesa

Sobremesa caseira

Bebida: Unha copa de viño / refresco / cervexa

Restaurante O Santiaguiño    (Teléfono de reserva: 981 810 023)

Primeiro: Pementos de piquillo recheos

Segundo: Lamprea á bordelesa

Sobremesa: Tarta caseira da avoa

Bebida: Unha copa de viño / refresco / cervexa

Casa Farrucán    (Teléfono de reserva: 981  812 249)

Primeiro: Croquetas de lamprea

Segundo: Lamprea á bordelesa

Sobremesa: Caseira

Bebida: Viño tinto e café

Oito restaurantes de Padrón participan este ano nas VI Xornadas Gastronómicas da Lamprea

  • As Xornadas desenvolveranse dende o 13 ata o 22 de marzo, e para degustar os menús coa lamprea como protagonista débese facer unha reserva previa
  • A programación de actividades coordinada polo concello inclúe actividades divulgativas para público familiar, obradoiros para aprender a facer empanadas de lamprea, tertulia clandestina e un concurso de empanadas de lamprea

As fins de semana do 13,14 e 15 e do 20,21 e 22 de marzo terán sabor a lamprea en Padrón, xa que durante estes días celebraranse as ‘VI Xornadas Gastronómicas da Lamprea’. Este ano un total de oito restaurantes ofrecerán un programa gastronómico coa lamprea como protagonista, e ademais dende a concellaría de Turismo programaron numerosas actividades de divulgación, lúdicas e culinarias.

Para degustar os menús elaborados por cada uno destes establecementos, haberá que reservar previamente, e o prezo será de 30 euros por persoa. Os locais participantes son Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Os Carrisos e o Restaurante O Santiaguiño.

O programa tamén inclúe actividades para nenos e nenas. O venres 13 de marzo ás 17:00 horas haberá xogos sobre a lamprea na Biblioteca, aquelas familias que queiran inscribirse terán que facelo antes do 11 de marzo enviando un email a biblioteca@padron.gal ou no teléfono 981 810 761.

Baixo o título de ‘Conversas clandestinas…no convento de Herbón’, José Manuel Garcíaentrevistará en directo a Miguel Piñeiro, experto no mundo da lamprea. E posteriormente, un fraile da Comunidade Franciscana do convento realizará unha visita guiada polas instalacións ata chegar ás pesqueiras –lugar no se que captura a lamprea-. Esta actividade é gratuita, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou polo correo electrónico de turismo@padron.gal

O venres 20 de marzo, ás 20:00 horas celebrarse un concurso de empanadas de lamprea, a participación tamén é gratuíta, pero precisa inscrición previa na Oficina de Turismo antes do mércores 11 de marzo. O primeiro premio é de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros. O Concello de Padrón encargarase de proporcionar unha lamprea a cada participante para facer a empanada do concurso.

E para concluír a programación, o sábado 21 de marzo ás 17:00 horas desenvolverase un obradoiro de cociña para aprender a elaborar a tradicional empanada de lamprea (timbal), e outros pratos con este produto. Terá lugar no edificio de Servizos Sociais, e malia que é gratuíto, hai que inscribirse previamente na Oficina de Turismo, a través do email turismo@padron.gal ou no teléfono 646 59 33 19.

Para máis información, consulta a web: xornadasdalamprea.padronturismo.gal