BASES CONCURSO DE EMPANADAS DE LAMPREA DAS VI XORNADAS DA LAMPREA EN PADRÓN

O Concello de Padrón organiza do 13 ao 22 de marzo de 2020 a VI edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea en Padrón.

Dentro destas xornadas ten lugar a celebración do Concurso de Empanadas de Lamprea o venres 20 de marzo do 2020 ás 20h no primeiro andar do Centro Social – Auditorio Municipal de Padrón.

Primeira. Finalidade.

Promocionar e poñer en valor o produto gastronómico da lamprea, recuperando a elaboración tradicional da empanada da lamprea moi ligada ao noso municipio e arredores.

Segunda. Obxectivos

Os principais obxectivos da convocatoria deste concurso son:

–  Posta en valor da lamprea do río Ulla.

–  Recuperar a elaboración tradicional da empanada de lamprea, un dos símbolos gastronómicos do noso municipio.

–  Facer partícipe á poboación en xeral da riqueza deste produto gastronómico.

Terceira. Participantes

Poderán  tomar parte no concurso todas aquelas persoas que o desexen maiores de 18 anos de idade e que cubran o formulario de inscrición, aceptando as bases do concurso.

Cuarta. Inscricións

A inscrición será de balde e realizarase na Oficina de Turismo de Padrón situada na Avenida de Compostela s/n, ou no correo electrónico turismo@padron.gal como data máxima o MÉRCORES 11 de marzo do 2020.

Quinta.  Produto

O Concello de Padrón fará entrega dunha lamprea a cada persoa participante para a realización da empanada do concurso. 

Sexta. Data e lugar de celebración

Venres 20 de marzo de 2020 ás 20:00h no primeiro piso do Centro Social – Auditorio Municipal de Padrón

Sétima. Presentación e identificación

As empanadas presentaranse o venres 20 de marzo ás 19:30 no primeiro piso do Centro Social – Auditorio Municipal de Padrón.

Unha vez presentadas as empanadas á organización colocará os respectivos números de participación a cada empanada, números que estarán vinculados aos datos persoais de cada participante para que a valoración por parte do xurado sexa neutral ata que se coñeza o fallo.

Oitava. Receitas

As empanadas que participen neste concurso deberán ter como principal ingrediente a lamprea.

Poderanse realizar con calquera tipo de masa.

Cada participante deberá poñer a receita escrita (indicando ingredientes e modo de preparación) a disposición do xurado  no momento da presentación da empanada.

Novena. Xurado

O xurado estará composto por persoas ligadas á restauración ou especializadas neste produto, que emitirán o veredicto unha vez finalizado o evento.

As persoas integrantes do xurado outorgarán os premios segundo a valoración que fagan con seguintes criterios: presentación (ata cinco puntos), valores culinarios -sabor, olor, textura- (ata dez puntos)  e orixinalidade/creatividade (ata cinco puntos).

Décima. Premios

Os premios do concurso serán:

– 1º premio: Diploma e 300€

– 2º premio: Diploma e 200€

– 3º premio: Diploma e 100€

Décima primeira . Condicións de participación

A participación neste concurso implica a aceptación das presentes bases así como a decisión do xurado.

Autorízase á organización a realizar e publicar cantas fotografías se consideren oportunas nos diferentes medios (prensa, redes sociais, etc.), como apoio á difusión e promoción das xornadas.

Máis información na Oficina de Turismo de Padrón, correo electrónico: turismo@padron.gal e no teléfono 646 59 33 19.

* Unha vez rematada a degustación por parte do xurado, as empanadas restantes serán servidas ao público asistente.