Padrón enxalza un dos seus produtos estrela do 17 ao 26 de marzo nas IX Xornadas gastronómicas da lamprea:
- Cinco establecemento da localidade ofrecerán venres, sábados e domingos menús lampreeiros a un prezo único de 40 euros.
- A presentación dun vídeo promocional, o concurso Pequechef e a exitosa Cata maridaxe completan o programa.
- A concelleira Lorena Couso destaca a fidelidade dos amantes da lamprea a un manxar que, en toda España, só se pode degustar en moi poucas zonas de Galicia.
Un ano máis, e xa van nove, Padrón exaltará un dos seus produtos gastronómicos máis sobresaíntes: a lamprea. Esta novena edicion das Xornadas gastronómicas da lamprea desenvolverase nas fins de semana do 17 ao 19 de marzo e do 24 ao 26 de marzo e nelas participarán cinco establecementos de restauración da capital do Sar, que ofrecerán os seus menús lampreeiros a un prezo único de 40 euros.
Bar Manolo. A taberna da Matanza, Casa Farrucán, Pulpería Rial Restaurante O Santiaguiño e Restaurante o Secreto son os locais nos que os amantes da lamprea poderán gozar do seu delicioso sabor tanto con propostas tradicionais, como a da lamprea á bordalesa, como innovadoras. O menú degustación inclúe un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa, as opcións de cada restaurante pódense consultar na web de Turismo de Padrón e é preciso facer reserva previa chamando directamente ao restaurante elixido, tendo en conta que a dispoñibilidade dependerá da existencia de produto.
O Concello de Padrón completa as xornadas cunha serie de actividades nas que a lamprea é a protagonista e que teñen como fin dar a coñecer a historia e as peculiaridades dun manxar que vén celebrándose na zona do río Ulla dende época romana e que, en toda a Península Ibérica, só se pode atopar en poucas e moi concretas áreas de Galicia.
“Temos a sorte de estar entre un dos poucos lugares nos que se pode gozar deste manxar, polo que nestes días recibimos xente de toda Galicia e mesmo doutros lugares de España que se achegan a Padrón coa única idea de gozar da lamprea. Trátase, ademais, duns visitantes moi fieis”, subliña a concelleira de Turismo. Lorena Couso incide tamén na relevancia do turismo gastronómico para Padrón e recorda que tanto os pementos de Herbón como a lamprea son estacionais. “O momento para degustar a lamprea é este, así que todo o que queira facelo ten que vir en marzo”, afirma.
Actividades complementarias
As persoas interesadas en saber máis sobre a lamprea, especie anterior aos dinosauros, e a súa pesca artesanal terán a oportunidade de facelo asistindo á presentación de A lamprea en Padrón, o encanto do Ulla, audiovisual que se presentará o xoves 23 de marzo ás 19.30 horas na igrexa da Nosa Señora da Mercé de Bandín. A entrada é libre ata completar aforo.
Saborear de balde a deliciosa será posible coa Cata maridaxe, a exitosa actividade de degustación na que veñen participando persoas chegadas de todas as partes de Galicia esgotando as prazas decontado ano tras ano. Celebrarase o venres 24 de marzo ás 20 horas no Auditorio municipal e consistirá na degustación de varios pratos preparados con lamprea e que se servirán acompañados por viños da zona. As inscricións deberán facerse na web de Turismo de Padrón a partir do 14 de marzo.
Tamén conta con gran predicamento Pequechef, unha grande oportunidade para achegar ás novas xeracións de padronesas e padroneses ao mundo da lamprea. O concurso, dirixido a cativada de entre 5 e 12 anos, terá lugar no Auditorio o sábado 25 de marzo a partir das
10.30 horas e cada participante terá como misión elaborar un prato doce e outro salgado empregando como ingrediente principal a lamprea. A inscrición abrirase tamén o 14 de marzo na páxina web de Turismo de Padrón.