-
As tertulias clandestinas, gratuítas, desenvolveranse o sábado pola mañá no convento de Herbón //
-
Seis restaurantes de Padrón ofrecen os menús lampreeiros a un prezo único de 40 euros //
As oitavas xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón continúan a vindeira fin de semana cunha nova edición das tertulias clandestinas, conversas informais que xirarán arredor do aprezado manxar do río Ulla, e os menús lampreeiros que poderán degustarse en seis restaurantes da vila.
As tertulias clandestinas da lamprea desenvolveranse o sábado a partir das 10.45 horas no convento franciscano de Herbón, precisamente o lugar que inspirou esta iniciativa de charlas temáticas e onde tiñan previsto arrancar en 2020 antes de ser suspendidas pola pandemia.
Co obxectivo de descubrirlle ao público asistente todos os segredos da lamprea e das pesqueiras de Herbón, o locutor radiofónico José Manuel García, do programa Comer e falar de Si Radio Galicia, conducirá unhas conversas nas que participarán Miguel Piñeiro, autor da guía Lampreas e pesqueiras; José Manuel Freire, vixiante do río Ulla; Manuel Vidal, pescador de lamprea en Herbón, e membros da Asociación de Veciños de Carcacía.
Despois, as persoas participantes achegaranse ata a zona das pesqueiras do río Ulla, nas que se capturan as lampreas, para facer unha visita guiada polo experto local José Manuel Freire.
Trátase, tal e como sinalou a concelleira Lorena Couso, encargada de presentar as tertulias clandestinas, de achegar o mundo da lamprea á cidadanía en xeral a través dunha iniciativa didáctica e amena que combina unha charla e unha visita sobre o terreo para entender mellor a actividade ancestral da pesca da lamprea, unha especie anterior aos dinosauros que sobreviviu ao longo do tempo mantendo a súa primitiva estrutura e que era un cobizado manxar xa na época romana. “Agora mesmo contamos con varios inscritos que veñen exclusivamente a este evento dende diferentes lugares de Galicia, como A Mariña Lucense, o Barbanza ou o Salnés”, destacou.
A actividade, guiada por Minia del Río de Latexos de Turismo, permitirá ademais que o público poida mergullarse nos paraxes naturais de gran beleza habitados polas lampreas en Herbón, Carcacía e Bandín. As inscricións, gratuítas, poden facerse enviando un mail a turismo@padron.gal ou chamando ao 646 59 33 19.
Por outro lado, venres, sábado e domingo, os restaurantes O Secreto, Scala, Pulpería Rial O Santiaguiño, Casa Farrucán e Bar Manolo/A Taberna da Matanza continuarán ofrecendo os seus menús laampreiros a un prezo único de 40 euros. Tanto as propostas como o resto das actividades das xornadas da lamprea poden consultarse na páxina https://xornadasdalamprea.padronturismo.gal