Skip to main content

Novas

Padrón conciencia aos escolares sobre a necesidade de conservar a lamprea e as súas tradicións

lamprea-Padron-didacticoEsta fin de semana será a última das III Xornadas Gastronómicas, que inclúen menús e actividades culturais e de lecer arredor deste peixe

As III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea” inclúen na súa programación actividades divulgativas nos centros educativos do municipio, co obxectivo que os máis pequenos coñezan os valores culturais arredor deste singular peixe.

Concretamente, este programa de promoción da lamprea entre escolares busca concienciar aos máis pequenos da vila sobre a necesidade conservar unha tradición que conta con séculos de historia: a captura deste singular peixe nas pesqueiras de Herbón.

A proposta divulgativa diríxese ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria dos C.E.I.P. Flavia e Rosalía; e consistirá no desenvolvemento dun traballo de investigación ao redor dos seguintes bloques temáticos: artes de pesca da lamprea, comercialización, xeitos de cociñar e de conservar, e vida e percorrido deste peixe. Para facer a investigación, os estudantes dividiranse por grupos, cursos e aulas.

Entre os traballos presentados seleccionarase un grupo gañador por curso, o cal terá a oportunidade de dar forma á súa iniciativa a través dunha montaxe audiovisual. Este vídeo poderá ter formato de entrevista, programa culinario, anuncio  publicitario ou sesión expositiva.

Última fin de semana do #PadrónLampreeiro

Os próximos 17, 18 e 19 de marzo celebrarase a segunda e última fin de semana das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”, organizadas pola Concellería de Turismo do Concello de Padrón e nas que se poderán degustar un total de 10 menús diferentes en 9 restaurantes do municipio.

Como actividades paralelas do #PadrónLampreeiro, o sábado 18 de marzo se desenvolverá un obradoiro de cociña dirixido por Manuel Garea, quen descubrirá aos participantes as diferentes maneiras de preparar este manxar. No desenvolvemento da actividade empregaranse produtos cedidos pola empresa Obrador de Lamprea.

Ese mesmo día tamén está programada unha excursión ás zonas de captura de lamprea que incluirá degustación, servizo de autocar e guía. Finalmente, para as persoas que desexen pasar a noite en Padrón durante a fin de semana, existe a posibilidade de reservar escapadas.

Máis información sobre as Xornadas e as actividades na web: xornadasdalamprea.padronturismo.gal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *