Skip to main content

Novas

O valor gastronómico e cultural da lamprea, a debate en Padrón

lamprea-padron

Unha mesa redonda abre a programación de actividades das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”

 

Un produto singular con posibilidades gastronómicas ilimitadas, un grande valor cultural e un importante potencial turístico. Estas foron as principais ideas expostas na mesa redonda titulada “A lamprea, unha xoia da gastronomía galega”, celebrada este venres no Auditorio de Padrón e que supuxo o comezo do programa de actividades das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”.

O xornalista e escritor Miguel Piñeiro foi o encargado de moderar ese debate, no que participaron 5 relatores procedentes de diferentes ámbitos: Xosé Antonio Rivera (Chef Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor e crítico gastronómico), Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso). Nas diferentes intervencións, os relatores expuxeron as súas experiencias persoais e profesionais e aproveitaron para desmontar algúns dos principais prexuízos que existen ao redor da lamprea. Ademais, animaron a probar este peixe de “textura singular” a todas aquelas persoas que aínda non o teñan degustado.

No transcurso do debate quedou constatada a fonda vinculación entre a lamprea e Galicia, especialmente as áreas xeográficas do Ulla e o Miño. Desta antiga relación derívase unha tradición que tamén deixa espazos para accións innovadoras: sempre que se manteña a calidade, as dúas posibilidades (tradición e innovación) son complementarias.

Ademais do potencial gastronómico que presenta este recurso, durante a celebración da mesa redonda se destacou o seu valor patrimonial. Nese senso, aludiuse ás oportunidades de fomento da actividade turística e cultural que poden aproveitar os territorios lampreeiros.

Como retos de futuro, abordouse a necesidade de actuar con responsabilidade sobre o medio ambiente, a fin de asegurar o futuro dun recurso que os relatores non dubidaron en cualificar como unha “xoia” da gastronomía de Galicia.

III Xornadas Gastronómicas Padrón Sabor a Lamprea

Co debate celebrado este venres deron comezo as III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”, que se celebran durante as fins de semana do 10, 11 e 12 e do 17, 18 e 19 de marzo. Durante estes días, poderanse degustar de 10 menús diferentes elaborados por 9 locais hostaleiros.

De xeito paralelo á oferta gastronómica desenvolveranse diferentes propostas divulgativas, culturais e de lecer; así como escapadas de fin de semana.

Máis información sobre as xornadas e as actividades na web: xornadasdalamprea.padronturismo.gal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *