Skip to main content

Novas

Padrón celebra as súas III Xornadas Gastronómicas da Lamprea entre o 10 e o 19 de marzo

Xornadas-lamprea-padron

Unha conferencia abrirá a programación de actividades, que inclúe propostas culinarias, divulgativas, culturais e de lecer.

As Xornadas Gastronómicas “Padrón, Sabor a Lamprea” celebrarán a súa terceira edición os días 10, 11, 12 e 17, 18, 19 de marzo, dúas fins de semana nas que diversos restaurantes da vila ofrecerán menús especiais e se programarán diversas actividades.

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Padrón organiza este evento gastronómico co obxectivo de valorizar e dar a coñecer este recurso desde o punto de vista culinario, pero tamén para salientar o seu grande valor cultural, patrimonial e a súa vinculación co territorio.

Así, a cita gastronómica será unha nova oportunidade para degustar as propostas da hostalería padronesa arredor deste peixe capturado nas pesqueiras de Herbón. Os menús terán un prezo de 25 euros por persoa e os establecementos participantes son: O Secreto, Chef Rivera, Parrillada Flavia, Restaurante Scala, Casa Farrucán, A Casa dos Martínez, O Alpendre, Cafetería H2O e o Restaurante Gaia.

Ademais das degustacións, esta nova edición das Xornadas Gastronómicas incluirá actividades educativas, culturais e de lecer relacionadas co mundo da lamprea e a súa cultura. Deste primeiro avance do programa destaca a celebración dunha conferencia na que diversos participantes falarán das bondades culinarias deste produto.

Unha conferencia abre a programación

O Auditorio de Padrón acollerá o venres 10 de marzo a conferencia titulada A Lamprea, unha xoia da gastronomía galega, na que 5 relatores debaterán sobre este produto e o seu potencial desde distintos puntos de vista: Xosé Antonio Rivera (Chef Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor e crítico gastronómico), Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso).

A mesa redonda estará moderada polo escritor e xornalista Miguel Piñeiro e se celebrará a partir das 20.00 horas, con entrada libre.

Dentro das III Xornadas Gastronómicas “Padrón, Sabor a Lamprea” tamén se programarán actividades para escolares, talleres de cociña, visitas e rutas guiadas, unhas propostas que a organización irá detallando ao longo das vindeiras semanas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *